9 de feb. de 2016

EMILIO JOSÉ FERNÁNDEZ RIAL é entrevistado por ALEJANDRA CALVO

ENTREVISTA SOBRE A CONVIVENCIA ENTRE DIFERENTES CULTURAS NUNHA CIDADE PATRIMONIO

Emilio José Fernández Rial, monitor e director de tempo libre, profesor, traballa co voluntariado.

1.- Poderías dicirnos que se sente ao tratar con rapaces de distintas culturas? Apréndese moito ou pouco deles? Son moitas as diversidades relixiosas, culturais ou de procedencia que atopa unha persoa coma ti?

É unha experiencia moi satisfactoria e moi enriquecedora, porque se aprende moito doutras culturas, doutras persoas, doutras vivencias..., e aprendes a ver a vida dende outras perspectivas.
Respecto ás diversidades que atopamos, si, atopamos moitas. Sobre todo son as de procedencia, porque traballamos moito con xitanos, musulmáns e con moita xente que ven principalmente de América Latina: dominicanos, arxentinos, brasileiros, peruanos... A verdade é hai bastante diferenza entre uns e outros.

2.- Canto tempo levas, dun xeito aproximado, tratando con xente tan distinta aquí, en Santiago? Con que asociación ou asociacións colaboras neste aspecto?

Eu fago este ano dez anos, e traballo principalmente con Cáritas, e tamén traballei coa asociación Feitizo.

3.- Algunha vez atopaches algún caso de discriminación por temas relixiosos, culturais ou raciais? En caso positivo, como facedes para erradicalo?

Casos grandes grandes moi pouco, é dicir, moitas veces a maior parte dos conflitos que saen son pequenas cousas: algún insulto, algunha falta de respecto, etc. Pero por sorte, nunca tiven que enfrontarme a un gran conflito. Sempre utilizamos a palabra para erradicar estes problemas. Falamos con eles por separado, logo reunímolos, indo pola vía máis diplomática posible...

4.- Aprecias malos xestos nos nenos composteláns cara aos inmigrantes? E algún tipo de rexeitamento cara a alguén diferente a eles?

Non, hai de todo. Sempre hai algún rapaz que é bastante cruel, e hainos que repiten o que oen na casa ou ven na tele, pero en xeral non adoita haber moitos problemas con rapaces de distintas culturas.

5.- Temos entendido que se realizan actividades en Compostela nas vacacións de Nadal e de Semana Santa. Apréciase un proceso de adaptación nestes rapaces e nas súas familias con estes proxectos?

Si, a verdade é que non é algo moi salientable, pero algo sempre se ve. Pouquiño a pouco, ao ser actividades ao longo de todo o ano, e practicamente continuas, pois vanse adaptando, hai algunhas que non, outras que si; pero aos rapaces séntanlles moi ben.



6.- Que visión cultural ou intercultural lle poderías aportar a outra persoa desde o teu punto de vista como persoa que trata con tanta diversidade?

Pois, que a xente non se peche, que trate con xente doutras culturas, doutras nacionalidades, doutras ideas... porque sempre se enriquece. Se che gusta o que está mostrando, pois perfecto; senón, cada un é libre de expresar o que lle gusta. Pero é unha experiencia moi enriquecedora.
Alex Calvo con Emilio José Fernández Rial

7.- Paréceche que Santiago é unha cidade acolledora con inmigrantes? Encóntraste con moitos casos de discriminación?

Santiago ten moitas asociacións e sociedades que axudan moito a integrar a xente de fóra. E entón, polo que eu vin, hai moitos medios para integrar á xente.

8.- Á hora de preparar actividades como as de vacacións ou mesmo durante o curso escolar, tedes en conta algúns aspectos para fomentar a tolerancia e o respecto? Poderías mencionarnos algúns? Estas actividades fanse con algunha intención de inculcar a igualdade aínda tendo diferenzas, por dicilo así?

Normalmente o que tratamos é de que as actividades sexan o máis neutras posibles, que non teñan moitos matices dunha cultura, a non ser que sexan matices positivos, pero non adoitan estar orientadas cara ningunha cultura particular.
Normalmente, sempre que se fai a programación, as actividades teñen uns obxectivos, e moitas veces os obxectivos son fomentar o respecto, a responsabilidade, o traballo en equipo, a boa convivencia... e hai algunhas máis específicas, como xogos de rol e demais.

9.- Gústache coñecer a rapaces e familias tan diversas? Pode resultar duro ou complicado tratar con algúns casos de discriminación? Adoitas aprender algo destas persoas?

Atopas de todo: hai familias que son estupendas e outras coas que hai que traballar un pouquiño máis. E como dicía ao principio, coñecer xente sempre te vai enriquecer moito, coñecer outras formas de pensar, de ver as cousas...
Hai casos que poden ser un pouco complicados, porque nalgúns momentos hai que ter un pouco de man esquerda, máis delicadeza para tratar algúns conflitos sen chegar a molestar a alguén ou ferirlle os sentimentos.
Sempre, sempre adoito aprender destas persoas.

10.- É posible que vos chegue a afectar psicoloxicamente ver como sofren as familias que acuden a vós?

Afectar afecta, a cuestión é saber como dixerilo. Ter empatía é moi bo, pero cando estás traballando en voluntariado, e sobre todo con rapaces, tes que aprender a facerte, aínda que é un pouquiño contraditorio, o corazón de pedra, para que non te afecte e non personalizar os problemas dos demais, porque, senón, pouco lles podes axudar.

11.- Como lle contarías a un neno pequeno como é este labor que realizas?

Moi sinxelo, é un constante facer amigos, facer xogos, pasalo ben, rir, chorar ás veces, moito cariño, moito tempo e sobre todo moita moita imaxinación e moita implicación. É dicir, é unha experiencia que a toda persoa que poida experimentala, lla recomendaría, e a un neno pequeno, participar en calquera actividade que vexa que hai rapaces doutras culturas, doutras etnias, doutros países..., vaino pasar ben e vai saír moi feliz deste tipo de actividades.


Ningún comentario:

Publicar un comentario