9 de feb. de 2016

EMILIO JOSÉ FERNÁNDEZ RIAL é entrevistado por ALEJANDRA CALVO

ENTREVISTA SOBRE A CONVIVENCIA ENTRE DIFERENTES CULTURAS NUNHA CIDADE PATRIMONIO

Emilio José Fernández Rial, monitor e director de tempo libre, profesor, traballa co voluntariado.

1.- Poderías dicirnos que se sente ao tratar con rapaces de distintas culturas? Apréndese moito ou pouco deles? Son moitas as diversidades relixiosas, culturais ou de procedencia que atopa unha persoa coma ti?

É unha experiencia moi satisfactoria e moi enriquecedora, porque se aprende moito doutras culturas, doutras persoas, doutras vivencias..., e aprendes a ver a vida dende outras perspectivas.
Respecto ás diversidades que atopamos, si, atopamos moitas. Sobre todo son as de procedencia, porque traballamos moito con xitanos, musulmáns e con moita xente que ven principalmente de América Latina: dominicanos, arxentinos, brasileiros, peruanos... A verdade é hai bastante diferenza entre uns e outros.

2.- Canto tempo levas, dun xeito aproximado, tratando con xente tan distinta aquí, en Santiago? Con que asociación ou asociacións colaboras neste aspecto?

Eu fago este ano dez anos, e traballo principalmente con Cáritas, e tamén traballei coa asociación Feitizo.

3.- Algunha vez atopaches algún caso de discriminación por temas relixiosos, culturais ou raciais? En caso positivo, como facedes para erradicalo?

Casos grandes grandes moi pouco, é dicir, moitas veces a maior parte dos conflitos que saen son pequenas cousas: algún insulto, algunha falta de respecto, etc. Pero por sorte, nunca tiven que enfrontarme a un gran conflito. Sempre utilizamos a palabra para erradicar estes problemas. Falamos con eles por separado, logo reunímolos, indo pola vía máis diplomática posible...

4.- Aprecias malos xestos nos nenos composteláns cara aos inmigrantes? E algún tipo de rexeitamento cara a alguén diferente a eles?

Non, hai de todo. Sempre hai algún rapaz que é bastante cruel, e hainos que repiten o que oen na casa ou ven na tele, pero en xeral non adoita haber moitos problemas con rapaces de distintas culturas.

5.- Temos entendido que se realizan actividades en Compostela nas vacacións de Nadal e de Semana Santa. Apréciase un proceso de adaptación nestes rapaces e nas súas familias con estes proxectos?

Si, a verdade é que non é algo moi salientable, pero algo sempre se ve. Pouquiño a pouco, ao ser actividades ao longo de todo o ano, e practicamente continuas, pois vanse adaptando, hai algunhas que non, outras que si; pero aos rapaces séntanlles moi ben.



6.- Que visión cultural ou intercultural lle poderías aportar a outra persoa desde o teu punto de vista como persoa que trata con tanta diversidade?

Pois, que a xente non se peche, que trate con xente doutras culturas, doutras nacionalidades, doutras ideas... porque sempre se enriquece. Se che gusta o que está mostrando, pois perfecto; senón, cada un é libre de expresar o que lle gusta. Pero é unha experiencia moi enriquecedora.
Alex Calvo con Emilio José Fernández Rial

7.- Paréceche que Santiago é unha cidade acolledora con inmigrantes? Encóntraste con moitos casos de discriminación?

Santiago ten moitas asociacións e sociedades que axudan moito a integrar a xente de fóra. E entón, polo que eu vin, hai moitos medios para integrar á xente.

8.- Á hora de preparar actividades como as de vacacións ou mesmo durante o curso escolar, tedes en conta algúns aspectos para fomentar a tolerancia e o respecto? Poderías mencionarnos algúns? Estas actividades fanse con algunha intención de inculcar a igualdade aínda tendo diferenzas, por dicilo así?

Normalmente o que tratamos é de que as actividades sexan o máis neutras posibles, que non teñan moitos matices dunha cultura, a non ser que sexan matices positivos, pero non adoitan estar orientadas cara ningunha cultura particular.
Normalmente, sempre que se fai a programación, as actividades teñen uns obxectivos, e moitas veces os obxectivos son fomentar o respecto, a responsabilidade, o traballo en equipo, a boa convivencia... e hai algunhas máis específicas, como xogos de rol e demais.

9.- Gústache coñecer a rapaces e familias tan diversas? Pode resultar duro ou complicado tratar con algúns casos de discriminación? Adoitas aprender algo destas persoas?

Atopas de todo: hai familias que son estupendas e outras coas que hai que traballar un pouquiño máis. E como dicía ao principio, coñecer xente sempre te vai enriquecer moito, coñecer outras formas de pensar, de ver as cousas...
Hai casos que poden ser un pouco complicados, porque nalgúns momentos hai que ter un pouco de man esquerda, máis delicadeza para tratar algúns conflitos sen chegar a molestar a alguén ou ferirlle os sentimentos.
Sempre, sempre adoito aprender destas persoas.

10.- É posible que vos chegue a afectar psicoloxicamente ver como sofren as familias que acuden a vós?

Afectar afecta, a cuestión é saber como dixerilo. Ter empatía é moi bo, pero cando estás traballando en voluntariado, e sobre todo con rapaces, tes que aprender a facerte, aínda que é un pouquiño contraditorio, o corazón de pedra, para que non te afecte e non personalizar os problemas dos demais, porque, senón, pouco lles podes axudar.

11.- Como lle contarías a un neno pequeno como é este labor que realizas?

Moi sinxelo, é un constante facer amigos, facer xogos, pasalo ben, rir, chorar ás veces, moito cariño, moito tempo e sobre todo moita moita imaxinación e moita implicación. É dicir, é unha experiencia que a toda persoa que poida experimentala, lla recomendaría, e a un neno pequeno, participar en calquera actividade que vexa que hai rapaces doutras culturas, doutras etnias, doutros países..., vaino pasar ben e vai saír moi feliz deste tipo de actividades.


OSCAR PADILLA UZAL é entrevistado por ALEJANDRA CALVO

ENTREVISTA SOBRE A CONVIVENCIA ENTRE DIFERENTES CULTURAS NUNHA CIDADE PATRIMONIO

Oscar Padilla Uzal é monitor de tempo libre e traballa co voluntariado.

1.- Poderías dicirnos que se sente ao tratar con rapaces de distintas culturas? Apréndese moito ou pouco deles? Son moitas as diversidades relixiosas, culturais ou de procedencia que se atopa unha persoa coma ti?

Pois, si claro, cada un ten a súa cultura, e son todas moi distintas e todas son igual de aceptables perfectamente. Penso que hai que respectalas.
Atopamos moita diversidade. Por exemplo, nos campamentos que facemos en Santiago, nun sitio como Cáritas e na asociación de Vite na que traballo, veñen xentes de todas as relixións e de clases sociais, e inténtase que estean todas xuntas e sen diferenzas entre elas.

2.- Canto tempo levas, dun xeito aproximado, tratando con xente tan distinta aquí, en Santiago? Con que asociación ou asociacións colaboras neste aspecto?

Eu levo cerca de 5 anos traballando de voluntariado, con nenos sobre todo. En Cáritas farei tres anos este verán, e logo colaboro cunha asociación en que levo case cinco anos, que fai actividades para nenos e xente maior, é a asociación de tempo libre de Vite.

3.- Algunha vez atopastes algún caso de discriminación por temas relixiosos, culturais ou raciais? No caso de telo, como facedes para erradicalo?

A verdade é que o único que vin algunha vez foron discusións. Os nenos son nenos, e a maioría son moi crueis, tanto se se van meter contigo pola túa relixión, como por ser gordo, ou son crueis en xeral. Pero claro, nós o que facemos é fomentar a igualdade e que hai que respectarse. Para erradicalo, o que nos gusta facer é realizar traballos de empatía e actividades nas que se poidan sentir na pel do outro e ver o que se sente e o que se sofre cando te agreden así.

4.- Aprecias malos xestos nos nenos composteláns cara aos inmigrantes? E algún tipo de rexeitamento cara a alguén diferente a eles?

Realmente, en sitios como no que eu vivo e como no que traballo, non se ven. Eles están acostumados a estar e tratar con todo tipo de culturas e de clases sociais. O único que vexo poden ser pequenas chuminadas que surxen de mínimas discusións ou problemiñas, pero nada grave.

5.- Temos entendido que se realizan actividades en Compostela nas vacacións de Nadal e Semana Santa. Apréciase un proceso de adaptación nestes rapaces e nas súas familias con estes proxectos?

A verdade é que para nos é un proxecto que non é cousa dun día, ten que ser educación, e vai co tempo. Por exemplo, os nenos que adoitan vir connosco seguen vindo durante tempo, e aprenden moito de nós, aprenden tolerancia e a respectar. Outros veñen a un campamento, ou veñen obrigados, que hai casos tamén, outros veñen e non volven; pois, queiras que non, eles non aprenden moito de nó, porque non teñen a oportunidade nin o interés. Pero si, nós esforzámonos en intentar fomentar a igualdade.

6.- Que visión cultural ou intercultural lle poderías aportar a outra persoa desde o teu punto de vista como persoa que trata con tanta diversidade?

Penso que todas as culturas teñen cousas moi positivas, e outras teñen cousas que non poden selo tanto. Pero non sei, eu neste tema son moi básico, o que penso é o que me gustaría transmitir, e é que somos todos cidadáns do mesmo mundo e a min non me teñen por qué poñer trabas se quero ir a un lado ou se quero ir a outro. Somos todos do mesmo sitio, nacemos todos no mesmo sitio: no mundo.



7.- Paréceche que Santiago é unha cidade acolledora cos inmigrantes? Encóntraste moitos casos de discriminación?

Si, eu creo que realmente hai moitas axudas, pero non soamente para inmigrantes, porque para a xente de aquí tamén as hai. Nese aspecto non creo que esteamos nada cerrados. Tampouco me parece dicir o mesmo “Santiago é unha cidade racista”, coma se cadra, “os santiagueses”. Aquí foméntase a axuda e a interculturalidade.
 Alex Calvo e Oscar Padilla

8.- Á hora de preparar actividades como as de vacacións ou mesmo durante o curso escolar, tedes en conta algúns aspectos para fomentar a tolerancia e o respecto? Poderías mencionarnos algúns? Estas actividades fanse con algunha intención de inculcar a igualdade aínda tendo diferenzas, por dicilo así?

É verdade que a min persoalmente gústame e teño feito, sobre todo, xogos de rol e cousas así, no que te metes na pel doutros e sentes o que hai. Por exemplo, hai unha actividade que me encanta, que se chama “comedores do mundo”, onde é un pouco fomentar que vexan o que hai por aí e que non en todos os sitios está igual, por desgraza, e que somos todos iguais.
E si, o que se busca é un pouco a empatía, o sentimento de que todo o mundo coñeza a realidade do que hai, e adoitan ser xogos que se fan para fomentar a tolerancia.

9.- Gústache coñecer rapaces e familias tan diversas? Pode resultar duro ou complicado tratar con algúns casos de discriminación? Adoitas aprender algo destas persoas?

A min encántame traballar nos campamentos que son un crisol de culturas, porque todo o mundo aprende de todo o mundo. Iso é xenial. É difícil enfrontarte á discriminación cando non sabes como levar un caso por descoñecemento, ou por calquera cousa, e non sabes como facer para resolver un conflito. Hai casos moi duros tamén. E todo o que se poida aprender de alguén no sentido que sexa é positivo.

10.- É posible que chegue a afectar psicoloxicamente ver como sofren as familias que acuden a vós?

Si, é algo moi duro ver ás veces as situacións familiares dalgunha persoa, pero cando traballas en cousas coma nós, aínda que é duro, tamén é satisfactorio pensar que os estás axudando da maneira que podes.

11.- Como lle contarías a un neno pequeno como é este labor que realizas?

A verdade é que é moi fácil. Traballamos, pero pasámolo xenial traballando un futuro mellor, pasando un presente súper divertido e fomentando moito con xogos a educación civil e a integridade. O que buscamos é que a xente madure moito e que abra moito a mente.

ROBERTO PÉREZ CEA é entrevistado por ALEJANDRA CALVO

ENTREVISTA SOBRE A CONVIVENCIA ENTRE DIFERENTES CULTURAS NUNHA CIDADE PATRIMONIO

Roberto Pérez Cea, ex director provincial e local da Cruz Vermella-Xuventude, monitor de ocio e tempo libre, coordinador do programa de actividades de inverno de Cáritas.

1.- Poderías dicirnos que se sente ao tratar con rapaces de distintas culturas? Apréndese moito ou pouco deles? Son moitas as diversidades relixiosas, culturais ou de procedencia que atopa unha persoa coma ti?

Está claro que se aprende moitísimo, porque a diversidade é moi importante. Entón, de cada un deles, de cada unha das distintas culturas, podemos aprender moitas cousas particulares e enriquecer a nosa propia cultura.
Encóntrase moita diversidade, sobre todo en campamentos, en traballo día a día, actividades que se realizan no inverno... E a verdade é que si, aínda que non nos fixamos moitísimo en cantas culturas podemos encontrar, porque tentamos sempre tratar a todos por igual. Pero si, hai moitas diversidades relixiosas, non moito na entidade de Cáritas, xa que é unha entidade relixiosa e normalmente xira moito sobre a relixión; pero despois en Cruz Vermella poden encontrarse moitas relixións diferentes.
2.- Canto tempo levas, dun xeito aproximado, tratando con xente tan diversa aquí, en Santiago? Con que asociación ou asociacións colaboras neste aspecto?

Levo desde os catorce anos, aproximadamente, é dicir, uns dez ou once anos. Neste aspecto, colaboro coa Cruz Vermella, con Cáritas Interparroquial de Santiago, e con Feitizo, que traballa con nenos con TEA.

3.- Algunha vez atopastes con algún caso de discriminación por temas relixiosos, culturais ou raciais? En caso afirmativo, como facedes para erradicalo?

Dentro da Cruz Vermella hai un programa que é para inmigrantes que veñen aquí, e normalmente veñen con algún problema ou algunha discriminación a nivel económico; a nivel racial non moito; e a nivel cultural depende, porque hai moitas entidades aquí en Santiago que non comprenden diferentes culturas, diferentes formas de vivir das persoas.
Normalmente, non se fai algo concreto, senón que se trata a todos por igual. Entón inclúese nos programas que xa hai, e dunha forma transversal trátase o tema, pero nunca de forma directa, porque aí xa facemos unha discriminación.

4.- Aprecias malos xestos nos nenos composteláns cara aos inmigrantes? E algún tipo de rexeitamento cara a alguén diferente a eles?

Podemos falar de diferentes clases, se falamos desa forma, e soe haber algunha discriminación do tipo: “Mira, ese rapaz é diferente”, e só porque é diferente a nosa sociedade tende a discriminar, e tenden a tratalo de forma diferente. Por exemplo, se é marroquí, din que vende alfombras ou cheira mal, ou máis crueldades.

5.- Temos entendido que se realizan actividades en Compostela nas vacacións de Nadal e de Semana Santa. Apréciase un proceso de adaptación nestes rapaces e nas súas familias con estes proxectos?

O dito antes, normalmente trátase a todos por igual, entón non fai falta un proceso de adaptación. Adoita haber rapaces que veñen doutros países ou doutras localidades e tenden a introducirse nas asociacións de forma directa, é dicir, xa levan tres días ou catro no noso país e xa os meten en diferentes asociacións. E nós o que facemos como entidade é involucralos nas actividades dunha forma directa sen ningunha adaptación.

6.- Que visión cultural ou intercultural lle poderías aportar a outra persoa desde o teu punto de vista como persoa que trata con tanta diversidade?

Como unha diversidade, algo novo que aprender. En vez de crear unha barreira, crear unha ponte para que eles aprendan de nós e nós aprendamos de eles, porque teñen moitas cousas que ensinarnos, moitas formas de ver a vida que nós non entendemos e con axuda de actividades entre as dúas partes podemos aprender moitas cousas diferentes, e enriquecer a vida.

7.- Paréceche que Santiago é unha cidade acolledora con inmigrantes? Encóntraste con moitos casos de discriminación?

Depende, hai un lado da cidade que si, que é moi acolledora coa xente inmigrante, que a axuda moitísimo; pero hai outra parte que é a nivel emprego en Santiago, hai uns datos que agora mesmo non se me acordan, que antes, hai uns dez anos había un índice moi alto de traballos que se ofertaban case só para inmigrantes, que a xente compostelá non quería facer. Pero duns anos para aquí, xa cambiou un pouco.

8.- Á hora de preparar actividades como as de vacacións ou mesmo durante o curso escolar, tedes en conta algúns aspectos para fomentar a tolerancia e o respecto? Poderías mencionarnos algúns? Estas actividades fanse con algunha intención de inculcar a igualdade aínda tendo diferenzas, por dicilo así?

Por exemplo, na Cruz Vermella fanse moitas actividades semanais na aula de mediación, que é unha aula que axuda ao apoio escolar, e tamén traballan valores. Unha vez á semana, normalmente trátase unha cidade e unha cultura diferente, onde facemos unha merenda e xogos desa cultura, para poder aprender de moitas diferentes.
Claro que se fai coa intención de fomentar a tolerancia e o respecto, xa que todas as culturas non poden ser iguais, porque son diferentes entre elas. O que temos que facer é, como dixen anteriormente, crear unha ponte para que haxa unha comprensión entre todas as culturas e podamos convivir de forma harmoniosa entre todas. Pero cómpre partir dunha cousa, as culturas son diferentes, e iso é o que fai que sexa enriquecedora e a globalización non está facendo iso: está eliminando partes moi ricas de cada cultura, está facendo que desaparezan moitas delas e que non podamos disfrutar de todas estas experiencias.

9.- Gústache coñecer rapaces e familias tan diversas? Pode resultar duro ou complicado tratar con algúns casos de discriminación? Adoitas aprender algo destas persoas?

Claro que si, apréndese moitísimo delas, e aprendes cousas das que ti tiñas unha idea na cabeza e un rapaz ou rapaza que provén dun lugar remoto, que ti nin sequera coñeces, fante cambiar a túa idea por completo.
Os casos de discriminación sempre son duros e complicados. Teño un caso na cabeza de dúas rapazas ás que lles morreron os pais en Kayakistan, un país que nin sequera coñecía, e chegaron aquí sen saber falar castelán nin outro idioma. Chegaron en busca dun emprego e estaban vivindo na rúa, e nin o concello de Santiago nin ninguén lles ofrecía unha casa nin nada. Claro, ti ante esta situación poste no lugar delas e dis: “que duro”, pero, ben, con traballo e con esforzo pódense conseguir moitas cousas.
Como dixen anteriormente, si que adoito aprender, é moi enriquecedor.

10.- É posible que chegue a afectar psicoloxicamente ver como sofren as familias que acuden a vós?

Non, se es unha persoa que adoita traballar con estes casos, pois afecta o primeiro caso, o segundo... Pode afectar, pode crear unha empatía cara a eles, pero co paso do tempo faste unha couraza e intentas que non afecte psicoloxicamente.

11.- Como lle contarías a un neno pequeno como é este labor que realizas?

Os nenos como mellor aprenden é a través do xogo, dos casos prácticos... a través da diversión. Entón, faría un xogo intercultural onde o neno poda comprender que é moi, pero moi positivo, aprender doutras culturas e doutras persoas diferentes. Cada un é un mundo, pois vamos intentar que todos aprendamos de todos os mundos e, así, que non haxa unhas barreiras que impidan que aprendamos de todos.