ENTREVISTA
SOBRE A CONVIVENCIA ENTRE DIFERENTES CULTURAS NUNHA CIDADE PATRIMONIO
Roberto
Pérez Cea, ex director provincial e local da Cruz
Vermella-Xuventude, monitor de ocio e tempo libre, coordinador do
programa de actividades de inverno de Cáritas.
1.-
Poderías
dicirnos que se sente ao tratar con rapaces de distintas culturas?
Apréndese moito ou pouco deles? Son moitas as diversidades
relixiosas, culturais ou de procedencia que atopa unha persoa coma
ti?
Está
claro que se aprende moitísimo, porque a diversidade é moi
importante. Entón, de cada un deles, de cada unha das distintas
culturas, podemos aprender moitas cousas particulares e enriquecer a
nosa propia cultura.
Encóntrase
moita diversidade, sobre todo en campamentos, en traballo día a día,
actividades que se realizan no inverno... E a verdade é que si,
aínda que non nos fixamos moitísimo en cantas culturas podemos
encontrar, porque tentamos sempre tratar a todos por igual. Pero si,
hai moitas diversidades relixiosas, non moito na entidade de Cáritas,
xa que é unha entidade relixiosa e normalmente xira moito sobre a
relixión; pero despois en Cruz Vermella poden encontrarse moitas
relixións diferentes.
2.-
Canto
tempo levas, dun xeito aproximado, tratando con xente tan diversa
aquí, en Santiago? Con que asociación ou asociacións colaboras
neste aspecto?
Levo
desde os catorce anos, aproximadamente, é dicir, uns dez ou once
anos. Neste aspecto, colaboro coa Cruz Vermella, con Cáritas
Interparroquial de Santiago, e con Feitizo, que traballa con nenos
con TEA.
3.-
Algunha
vez atopastes con algún caso de discriminación por temas
relixiosos, culturais ou raciais? En caso afirmativo, como facedes
para erradicalo?
Dentro
da Cruz Vermella hai un programa que é para inmigrantes que veñen
aquí, e normalmente veñen con algún problema ou algunha
discriminación a nivel económico; a nivel racial non moito; e a
nivel cultural depende, porque hai moitas entidades aquí en Santiago
que non comprenden diferentes culturas, diferentes formas de vivir
das persoas.
Normalmente,
non se fai algo concreto, senón que se trata a todos por igual.
Entón inclúese nos programas que xa hai, e dunha forma transversal
trátase o tema, pero nunca de forma directa, porque aí xa facemos
unha discriminación.
4.-
Aprecias
malos xestos nos nenos composteláns cara aos inmigrantes? E algún
tipo de rexeitamento cara a alguén diferente a eles?
Podemos
falar de diferentes clases, se falamos desa forma, e soe haber
algunha discriminación do tipo: “Mira, ese rapaz é diferente”,
e só porque é diferente a nosa sociedade tende a discriminar, e
tenden a tratalo de forma diferente. Por exemplo, se é marroquí,
din que vende alfombras ou cheira mal, ou máis crueldades.
5.-
Temos
entendido que se realizan actividades en Compostela nas vacacións de
Nadal e de Semana Santa. Apréciase un proceso de adaptación nestes
rapaces e nas súas familias con estes proxectos?
O
dito antes, normalmente trátase a todos por igual, entón non fai
falta un proceso de adaptación. Adoita haber rapaces que veñen
doutros países ou doutras localidades e tenden a introducirse nas
asociacións de forma directa, é dicir, xa levan tres días ou catro
no noso país e xa os meten en diferentes asociacións. E nós o que
facemos como entidade é involucralos nas actividades dunha forma
directa sen ningunha adaptación.
6.-
Que
visión cultural ou intercultural lle poderías aportar a outra
persoa desde o teu punto de vista como persoa que trata con tanta
diversidade?
Como
unha diversidade, algo novo que aprender. En vez de crear unha
barreira, crear unha ponte para que eles aprendan de nós e nós
aprendamos de eles, porque teñen moitas cousas que ensinarnos,
moitas formas de ver a vida que nós non entendemos e con axuda de
actividades entre as dúas partes podemos aprender moitas cousas
diferentes, e enriquecer a vida.
7.-
Paréceche
que Santiago é unha cidade acolledora con inmigrantes? Encóntraste
con moitos casos de discriminación?
Depende,
hai un lado da cidade que si, que é moi acolledora coa xente
inmigrante, que a axuda moitísimo; pero hai outra parte que é a
nivel emprego en Santiago, hai uns datos que agora mesmo non se me
acordan, que antes, hai uns dez anos había un índice moi alto de
traballos que se ofertaban case só para inmigrantes, que a xente
compostelá non quería facer. Pero duns anos para aquí, xa cambiou
un pouco.
8.-
Á
hora de preparar actividades como as de vacacións ou mesmo durante o
curso escolar, tedes en conta algúns aspectos para fomentar a
tolerancia e o respecto? Poderías mencionarnos algúns? Estas
actividades fanse con algunha intención de inculcar a igualdade
aínda tendo diferenzas, por dicilo así?
Por
exemplo, na Cruz Vermella fanse moitas actividades semanais na aula
de mediación, que é unha aula que axuda ao apoio escolar, e tamén
traballan valores. Unha vez á semana, normalmente trátase unha
cidade e unha cultura diferente, onde facemos unha merenda e xogos
desa cultura, para poder aprender de moitas diferentes.
Claro
que se fai coa intención de fomentar a tolerancia e o respecto, xa
que todas as culturas non poden ser iguais, porque son diferentes
entre elas. O que temos que facer é, como dixen anteriormente, crear
unha ponte para que haxa unha comprensión entre todas as culturas e
podamos convivir de forma harmoniosa entre todas. Pero cómpre partir
dunha cousa, as culturas son diferentes, e iso é o que fai que sexa
enriquecedora e a globalización non está facendo iso: está
eliminando partes moi ricas de cada cultura, está facendo que
desaparezan moitas delas e que non podamos disfrutar de todas estas
experiencias.
9.-
Gústache
coñecer rapaces e familias tan diversas? Pode resultar duro ou
complicado tratar con algúns casos de discriminación? Adoitas
aprender algo destas persoas?
Claro
que si, apréndese moitísimo delas, e aprendes cousas das que ti
tiñas unha idea na cabeza e un rapaz ou rapaza que provén dun lugar
remoto, que ti nin sequera coñeces, fante cambiar a túa idea por
completo.
Os
casos de discriminación sempre son duros e complicados. Teño un
caso na cabeza de dúas rapazas ás que lles morreron os pais en
Kayakistan, un país que nin sequera coñecía, e chegaron aquí sen
saber falar castelán nin outro idioma. Chegaron en busca dun emprego
e estaban vivindo na rúa, e nin o concello de Santiago nin ninguén
lles ofrecía unha casa nin nada. Claro, ti ante esta situación
poste no lugar delas e dis: “que duro”, pero, ben, con traballo e
con esforzo pódense conseguir moitas cousas.
Como
dixen anteriormente, si que adoito aprender, é moi enriquecedor.
10.-
É
posible que chegue a afectar psicoloxicamente ver como sofren as
familias que acuden a vós?
Non,
se es unha persoa que adoita traballar con estes casos, pois afecta o
primeiro caso, o segundo... Pode afectar, pode crear unha empatía
cara a eles, pero co paso do tempo faste unha couraza e intentas que
non afecte psicoloxicamente.
11.-
Como
lle contarías a un neno pequeno como é este labor que realizas?
Os
nenos como mellor aprenden é a través do xogo, dos casos
prácticos... a través da diversión. Entón, faría un xogo
intercultural onde o neno poda comprender que é moi, pero moi
positivo, aprender doutras culturas e doutras persoas diferentes.
Cada un é un mundo, pois vamos intentar que todos aprendamos de
todos os mundos e, así, que non haxa unhas barreiras que impidan que
aprendamos de todos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario