RESPOSTAS ÁS PREGUNTAS DO XOGO DE PISTAS SOBRE A CIDADE HISTÓRICA
1.-
No capitel do centro hai un anxiño ao que se lle ve moi claramente a
regaña e o ollo do cu. Lévase a xente alí, tapándolles os ollos,
colócaselle o dedo índice no ollo do cu, díselle que pida un
desexo e, cando xa o teña pedido, destápanselle os ollos e
déixaselle mirar onde ten colocado o dedo índice.
2.-
Intelectual, galeguista, alcalde republicano de Santiago, fusilado en
1936. Que copien o que di a placa.
3.-
Os estudantes colocábanse de costas á arbore da ciencia, estiraban
calquera dos brazos, e agarraban unha das pólas da árbore, logo
matriculábanse na carreira que lles tocara.
4.-
María Castaña foi unha muller da Idade Media, campesiña, que se
rebotou contra o bispo de Lugo por mor dos desmáns deste.
5.-
Don Gaiferos de Mormaltán foi un cabaleiro francés que no século
XIV peregrinou a Santiago, morrendo diante do Pórtico da Gloria da
Catedral, feliz porque Santiago Apóstolo obrara o milagre de
deixalo chegar vivo a Santiago e pisar a Catedral.
6.-
Airas Nunes foi un trobador, un poeta galego medieval, de Santiago,
autor de varias cantigas de amigo e de amor.
7.-
Desde as dúas esquinas do Pazo de Raxoi: á dereita de Raxoi xunto
ao muro que dá á Costa do Cristo, a rentes do Hostal dos Reis
Católicos; á esquerda de Raxoi, xusto desde as escadas polas que se
baixa cara ás Casas de Compostela.
8.-
Igrexa de San Fructuoso ou das Catro Sotas, estilo churrigueresco,
século XVIII, porque no alto se representan as Catro Virtudes
Cardinais (Prudencia, Xustiza, Fortaleza e Templanza) con catro damas
e cada unha leva un símbolo: ouros, bastos, copas e espadas.
9.-
Montero Ríos, político galego no Goberno español nos anos...,
señor de Lourizán (Pontevedra). Esta estatua estivo colocada no
centro da Praza do Obradoiro.
10.-
Alfonso II O Casto, primeiro rei peregrino, rei de Asturias,
ano......
Chiste
sobre isto: Que diferenza hai entre Alfonso II O Casto e Carlos III o
Impotente? “Un quería, pero non podía. Outro podía, pero non
quería...”
11.-
O acibeche é madeira de árbore petrificada. Tráese de Asturias
porque en Galicia non se dá esta petrificación da madeira, por mor
do Ph do solo.
12.-
As xoias /alfaias tradicionais compostelás realizábanse con
ACIBECHE e PRATA, as prazas son a de PRATERÍAS e a da ACIBECHERÍA
(século XVIII), nas fachadas Sur e Norte, respectivamente, da
Catedral.
13.-
Cinco rúas ou cinco calles:
Rúa
do Preguntoiro, Travesa de Altamira, Rúa de Xelmírez, Rúa do
Castro e Rúa da Caldeirería.
14.-
Porta Faxeira está a Farmacia de Gómez-Ulla, pode ser de 1891, dio
alí.
15.-
Porta da Mámoa: Café-bar Derby, onde Valle-Inclán habitualmente ía
tomar o café.
16.-
O Arco de Mazarelos é a única porta que se conserva da primitiva
muralla. “Por esta porta entraban os bos viños do Ribeiro á
cidade”, segundo conta o Códice Calixtino, guía de peregrinación
composta polo ano 1130.
17.-
Torta de Santiago: leva améndoa moída como base, fariña, azucre e
ovos. A cruz de Santiago vai debuxada enriba.
18.-
Praza do Toural: o xigante Atlas leva ao ombreiro a bóla do mundo.
Contan que a tirará cando pase por debaixo unha virxe. Mais a bóla
do mundo segue impertérrita desde o século XVIII no ombreiro de
Atlas.
19.-
Farmacia Bescansa: ten un teito de artesoado de madeira precioso e
digno de perder un anaco contemplándoo. Tamén é moi bonita a
colección de botes de farmacia que teñen dentro.
20.-
Padre Sarmiento: foi un dos Ilustrados do século XVIII. Defensor da
escola en galego, lingüista, filólogo e intelectual galego
ilustrado.
21.-
“Casa das pomas”: chámase así polos adornos de mazás que hai
na fachada.
22.-
Os banzos das escadas da Praza de Praterías non se poden subir de
dous en dous porque son impares.
23.-
Maruxa e Coralia Fandiño eran dúas irmás que baixaban todos os
días á mesma hora, antes de xantar, a dar o seu paseo habitual por
Santiago desde o seu enderezo, na Rúa do Espírito Santo até a
Alameda. Vestidas de cores rechamantes e pintadas como na súa
mocidade (anos 30 e 40 do século XX). Encantáballes que os
estudantes lles dixesen piropos. Recórdoas moitas veces polo
Preguntoiro e pola Caldereiría.
24.-
O arcebispo Alonso III de Fonseca foi un grande protector das artes e
das letras. Fundou o Colexio de Fonseca para colexio de estudos de
teoloxía e comezouse a súa construción en 1532.
25.-
Os “anxos con gafas” de Santa María Salomé (románica, século
XII pero coa torre barroca, do século XVIII) encóntranse nas dúas
columnas do retablo, un á esquerda e o outro á dereita do altar.
26.-
A Virxe preñada do pórtico de Santa María Salomé leva un vestido
longo e un manto. É unha das moi poucas representacións románicas
da virxe neste estado.
27.-
A Casa do Cabido, na praza de Praterías, é só unha fachada
realizada por Fernández Sarela en 1758. O fondo mide metro e pico,
non chega aos dous metros. Non foi unha casa feita para vivir, xa que
se levantou unicamente coa intención de cerrar harmonicamente a
praza cun edificio que non desmerecese o resto das construcións.
28.-
É unha broma típica: díselle á xente que ten que buscar baixo a
auga da fonte as colas dos cabalos e, cando miran moi atentamente,
móllaselles coa auga da fonte.
29.-
A Raíña Lupa mandaba na comarca de Padrón e Compostela cando
chegaron a Padrón Apolodoro e Atanasio co corpo de Santiago
Apóstolo. Tras certas vicisitudes, cedeulles os terreos para
enterrar a Santiago e converteuse ao cristianismo.
30.-
Igual que a brincadeira anterior, pero aquí cómpre buscar os pés
de Cervantes coa conseguinte ducha.
31.-
Chámaselle á Praza do Obradoiro a Praza de Cataluña porque aí
están:
O
Hostallll, a Catedrallll, a Rectorallll e a Casa Consistoriallll.
32.-
A Casa da Parra, barroca do século XVIII, na Quintana de Vivos,
chámase así porque ten unha parra por diante que dá uvas. Isto é
moi típico da Galicia rural, mais na Galicia urbana apenas se
encontran casos como este de “parra” nas fachadas.
33.-
A rúa de Entrerrúas debe ter menos de UN metro de ancho, non caben
dúas persoas xuntas e, cando chove, non se pode ir nela con
paraugas, posto que tampouco colle, cómpre levalo cerrado.
34.-
A Casa da Troia é o título dunha novela de Alejandro Pérez Lugín,
baseada na historia da pensión de estudantes que rexentaba a Señora
Troia no edificio que é hoxe Museo da Tuna Universitaria. Nesta
novela, moi do estilo romántico e cursi de principios do s. XX,
cóntanse aventuras, desventuras e amoríos dos estudantes
composteláns.
35.-
Cerámica de Sargadelos, provén de Cervo, entre Viveiro e Burela, no
Norte de Lugo. A base da cerámica é o CAOLÍN. As cores
tradicionais desta cerámica son BRANCA e AZUL, aínda que agora
tamén se fan outras cores. Houbo outra fábrica de cerámica fina,
Cerámica do Castro, en Sada-Coruña, pero a cor tradicional usada
era só a BRANCA.
36.-
A tenda “Cacharros” de cerámica tradicional de Buño, cerca de
Carballo, ao oeste de Coruña. O material utilizado é o BARRO, e en
Buño hai moitísimos obradoiros de oleiros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario