29 de xan. de 2016

OS QUE ESTABAMOS AQUÍ



                                 OS QUE ESTABAMOS AQUÍ

UXÍA GÓMEZ TORREIRA


 
Desde 5º curso de primaria levo con compañeiros inmigrantes na miña clase, pero non tiven moito trato con eles e elas. Agora que estou xa en 3º da ESO, teño dous compañeiros inmigrantes, un de Palestina e outra do Perú, e lévome ben con eles.
Penso que lles dou un bo trato, que me comporto como unha boa compañeira, e bótome moitas risas con eles. Trátoos como o que son, uns amigos máis,  xa que non discrimino a ninguén nin pola raza nin pola súa cultura, pois iso non é o importante.




VÍCTOR GONZÁLEZ ALMENA



Acollida aos meus compañeiros estranxeiros

No tempo que levo indo ao colexio de Roxos e ao Instituto Eduardo Pondal, tan só compartín clase con dous compañeiros estranxeiros, un rapaz e unha rapaza.

O primeiro deles foi Mudi, de Palestina. Empecei a estar no colexio e na mesma clase con el no curso de 3º de primaria en Roxos. Cando chegou, a nosa titora explicounos un pouco a súa historia, por que se atopaba en España e como o tiñamos que acoller. Pero a maior parte dos seus costumes, relixión, lingua e motivo da súa marcha de Palestina fóinolo contando el co paso do tempo. Ao principio era moi tímido e, aínda que non tardou moito en aprender ben o castelán e o galego, case non falaba connosco e nos recreos ía á biblioteca coa súa irmá Sara. Pero os demais mais eu, ao longo do curso, fomos facendo pouco a pouco amistade con el, interesándonos pola súa vida en Gaza, a súa relixión e os seus costumes. Co tempo, grazas á nosa axuda, Mudi converteuse nun máis e perdeu calquera resto da timidez que tiña entón. Invitounos aos seus cumpres e nós a el, xogaba ao fútbol ou brilé connosco no recreo, facíamos traballos xuntos, etc. En resumo, todos os nenos e nenas acollimos moi ben a Mudi e os nosos pais e nais en pouco tempo deron tamén unha boa acollida á súa familia.

A outra compañeira estranxeira é Estefany, de Perú. Coñecina cando cheguei ao Eduardo Pondal en 2º da ESO. Nese momento, ela xa tiña algúns amigos na clase, pero a maioría estaban noutros cursos ou noutras clases. Eu non teño moita relación con ela, pero sinto que está integrada e que foi ben recibida tanto polos alumnos como polos profesores. Paréceme que está ben connosco. 


 ALICIA JARDÓN FERNÁNDEZ:  

TODAS AS PERSOAS SOMOS IGUAIS    

Levo aproximadamente uns oito anos cun compañeiro que veu de Palestina, e tres anos cunha compañeira de Perú.
Agora a pregunta que estaredes a pensar será como nos fixemos amigos, porque por fóra somos moi distintos. E eu direivos: iso non ten nada que ver coa amizade. Por moi distintos que poidamos parecer, todos somos iguais por dentro, que é o que inflúe de verdade. Na amizade non importa de onde sexas, nin as diferenzas, pois dúas persoas moi opostas poden ser amigas.
Penso que todo o mundo debería levarse ben, e que non debería existir o rexeitamento a persoas alleas ao noso país.





 

Ningún comentario:

Publicar un comentario