28 de xan. de 2016

OS QUE VIÑEMOS DE FÓRA

        OS QUE VIÑEMOS DE FÓRA


RECIBIMENTO E INTEGRACIÓN EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

MUDI ASHOUR chegou desde Palestina:

Son Mohammed Ashour (Mudi), teño catorce anos, sete deles en Santiago de Compostela.  Cheguei a Santiago o día 19 de Decembro de 2007, e ata o día 8 de Xaneiro de 2008 non fun á escola. Fun ao primeiro curso de primaria en CEIP de Roxos. O primeiro día que fun alí foi algo estraño para min, xa que non coñecía a ninguén e todos falaban un idioma que eu non falaba nin entendía, pero consonte foi pasando o tempo, ía aprendendo a lingua mentres ía facendo novos amigos.
Encóntrome moi ben nesta cidade, pero sei que a miña integración foi grazas ao esforzo en parte tamén dos meus compañeiros e dos meus profesores,  de todos os que me deron aulas ata a actualidade, e dos que han de vir, estou seguro de que me ensinarán máis cousas das que sei. O trato tamén foi moi especial, sobre todo na escola, xa que era novo alí e non levaba tempo.

ESTEPHANY CRISTEL AGUILAR veu desde Perú:
 
Eu son Esthefany, teño catorce anos e son peruana, vouvos contar como foi o trato que recibín na cidade de Santiago dende que cheguei ata agora.
Levo aquí xa practicamente 5 anos, cheguei o 16 de maio do 2011, entrei ao colexio ¨La Milagrosa¨ o 15 de setembro dese mesmo ano. Como son moi tímida, o primeiro día, cando fun coa miña nai, non me separei dela, era como se tivese medo de todos os rapaces que estaban alí, todo era estraño... Despois duns días xa me integrara na clase grazas á amabilidade dos meus compañeiros de clase e aos profesores, aínda que non me relacionaba tanto con todos, tiña amigas que me ensinaban o que eu non sabía. Co tema da lingua non tiven problema, xa que non me parecía tan dificíl e adapteime rapidamente a ela.
Agora estudo no IES Eduardo Pondal, a maioría dos meus compañeiros do colexio están aquí, pero pouco nos relacionamos. Ao longo dos anos coñecín persoas que tamén son doutro país e sentinme ben con elas, e hai un rapaz que é de Palestina que vai na miña clase como o ano anterior.
Xeralmente síntome moi ben aquí en Santiago, aínda que non coñezo demasiado a cidade completa, quixera que as persoas me ensinaran moitas máis cousas que elas saben e eu non.

Ningún comentario:

Publicar un comentario